A MEMORIA

Borja Insua ademáis de titiriteiro, é escultor, especializado na talla de madeira. Estudou escultura na Escola de Artes Aplicadas e Oficios Mestre Mateo de Santiago e ao longo da súa vida ten construído máis dun centear de pezas. Borja reencóntrase unha e outra vez coa súa obra escultórica, producindo series de pezas de madeira.

“A memoria” é a  última colección, coa que nos achega á vida da aldea na que se criou, ós nosos vellos e á súa cultura do traballo. A memoria obríganos a lembrar de onde vimos, e todo o que lle debemos aos que en silencio -e ás portas da morte- manteñen en equilibrio os poucos costumes que nos quedan. Eses que hoxe tanto están como non, porque así é o esquecemento.

Acompañan a mostra as reflexións de Maruja, a avoa do escultor, que nos fala dende a súa casa en Vigo (Fisterra). Maruja fala e fala: do seu neto, do seu traballo como escultor e da propia vida… E máis que falará, coa implacable verdade do tempo.

Exposición na Fundación Granell (Santiago de Compostela, Outubro 2013):

 

 

Tallar a vida, por María Lado

As obras de Borja Ínsua latexan. Diríase que son organismos incribles provistos de corazón, arterias e todo o equipamento necesario para a vida. O artista ofrécenos sempre tallas e esculturas de madeira que conservan a concentrada enerxía das árbores que as deron, como se aínda estivesen enraizadas. Obras con longuísimos rizomas que se estenden baixo o mundo, silenciosos. Iso é algo que as fai únicas e verdadeiras. Ser único non é difícil, pero ser verdadeiro é a virtude máis escasa entre os artistas. Porén, é algo que a obra de Borja consegue sen pretensións nin vaidade.

 

A personalidade do seu creador é tamén a das súas obras. Borja é un artista que se move por impulsos eléctricos, semellantes a aqueles que activan a existencia biolóxica. É por iso que as súas esculturas nos miran fixamente e teñen a capacidade de transmitir máis forza e actividade que moitas das persoas que nos cruzamos a cotío. A arte de Borja nace da profunda e peculiar observación do mundo que fai este mozo da Costa da Morte. Está nos tempos que lle tocaron vivir, pero tamén mira ao herdado: ao pasado, á tradición, ao pobo. Mais non só, pois Borja sabe traer todo iso ao contemporáneo. Procura e atopa a súa propia e persoal linguaxe no pulso acelerado da talla, no tratamento da cor, na expresión e, sobre todo, na mensaxe sempre subxacente da obra, polo xeral crítica. Alén diso, obra e creador reciben numerosas influencias literarias e culturais da máis diversa procedencia. Borja pode atopar un motivo para poñerse a tallar nos versos de Celso Emilio Ferreiro ou no telexornal do mediodía. Nunca sabe que será o que prenda a chispa do seu labor e iso é o mellor. Todas estas características dánlle un valor único ao seu traballo de artista. A tradición pode servirlle de motivo, pero o total da obra nunca está illada no tempo nin no tema: sempre poderemos vernos nela. Por iso os labregos ou mulleres da terra que nos falan nesta exposición non son distintos de nós mesmos a día de hoxe.

A propia escolla do medio, a escolla da talla en madeira, é unha forma de afirmarse o autor como herdeiro dun vello oficio que agora reinterpreta e fai revivir. Artista e artesán, Borja é quen de facer grandes tallas con machados de sete libras ou pequenas pezas con ferramentas mínimas. A expresividade do que crea, a capacidade para emocionarnos e impresionarnos, vén dada polo entendemento natural, case orgánico, do artista coa materia. Así as súas pezas son froito da conversa entre el e a madeira, elemento que coñece ben e no que máis libre se sente dende que comezou a facer títeres e bonecos sendo apenas un adolescente.

Esta exposición contén algunhas das obras máis recentes de Borja Ínsua, pero non son as únicas. O seu taller está repleto de pedazos de vida únicos, fermosos, potentes e máxicos. Agora é un autor xa maduro, co pouso da experiencia andándolle polas veas. Eu só agardo que algún día todo o seu material poida verse xunto, exposto nunha fraga fresquísima, se aínda queda algunha, ou nun souto alumeado polo sol que escorrega entre a follaxe. A vida tallada da súa man non desmerecerá a vida ao redor. Será, simplemente perfecto.

 

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s